31 de maio de 2013

A árbore das estacións

Tiña unha forte espiña pendurada,
saiba de experiencia corría por el.
Tiña luces douradas, sabor de mel,
e era de cor branca e amarelada.

Atopábase naquela estrada
de cementos e recordos de papel,
ninguén sabía nada da súa pel
pero a súa textura era cardada.

Follas que caen das súas secas ramas
e as tardes frías espertaban o ceo
cando o inverno cubría as súas canas.

Pasaron os anos e vólvese xeo.
Ventos de outono que deixan sen ganas,
Queda sen vida dun só titubeo.

SABELA MEIZOSO SANTIAGO
TANIA PÉREZ LÓPEZ
1ºA Bach

Máis alá do exterior

Hoxe a xente só pretende aparentar,
se sodes bos ou non, non lles interesa.
Así que, que non te enganen, princesa,
pois pensa sobre isto, ponte a meditar.

Esa xente debería escarmentar,
que non te trabuquen cunha promesa.
Pon as cousas claras sobre a mesa.
É algo que deberías comentar.

Non pretendas que miren o interior
porque esa non é a súa intención.
Odia á xente que se crea superior.

Fai que te aprecien polo teu corazón.
Non permitas que te fagan inferior.
Non lles deixes crecerse na súa emoción.

ANA PERMUY,
CRISTINA MARTÍNEZ,
ADRIÁN AMADO
 1ºA Bach

A chegada das redes sociais

Agora todo está informatizado
Internet é a base da sociedade
onde predomina a igualdade
e é o medio social máis utilizado.

Aínda así hai que ter coidado.
Hai que facelo con seguridade,
que hai moita xente que fai maldade
isto salta á vista de contado.

Para poder ir co resto da xente,
con tantos avances de tecnoloxía,
hai que actualizarse continuamente.

Antes desas cousas non había;
con todo isto, que é moi recente,
por fin poderemos estar ao día

ABRAHAM BLANCO
VERÓNICA MORENO
1ªA Bach.

Paro, crise, destrución

 En España xa non hai onde traballar;
moi poucos mozos teñen futuro.
Os anciáns xa non teñen nin un duro,
hai xa ata quen se quere suicidar.

Na elite hai quen máis cartos quere gañar
para estar cada vez máis seguro
de que non vai ter nin un apuro
e ata capital pode regalar.

A moitas folgas teremos que asistir
para que traballos comece a haber
e deste círculo vicioso saír.

Moitos políticos terán que admitir
que máis diñeiro lles gustaría ter,
aínda que os demais non poidan vivir.

ALEXANDRE DACOSTA,
NOELIA RAÑAL CANOSA
 1ºE Bach.

Soneto para ela


Teño unha cita cunha criatura.
Escoitar o seu nome ponme contento.
Lembrar o seu rostro é o meu sustento.
Non quero esquecer tal fermosura.

Vexo nela un mar cheo de frescura,
amada estrela do firmamento,
desexada dona do pensamento.
Non podo resistir esta loucura.

Gústame estar a soas con ela.
Mimoso co seu pelo xoguetear ,
como no mar o aire coa vela.

Tamén, cando queira, podela mirar.
Beleza máis preciosa e sinxela
que no meu mundo podes atopar.

JOHAN ESPEJO,
CARLOS SERANTES 

O meu camiño...

O meu camiño está cheo de tebras
que levo comigo desde o tempo ido,
tebras tan escuras coma as palabras,
palabras que a mente non dá esquecido.

No meu corpo perpetúanse as sombras,
mais aínda isto non está rematado.
Saen tamén do corazón as cobras
que fan de min un gran home asustado.

A miña xente comeza a esquecerte.
Pero, acouga, que non é para sempre,
a pesar desta dor, lograrei verte.

Permítesme unha visita na noite?
Un bico noso gardado en segredo
a pesar do escuro, ti fas que loite.

XEREZADE ANSEDES
LUCÍA DOPICO
CARLOS IGLESIAS
1º E Bach

O monstro e a dama

Sempre a amada esperou calada,
por aquel que  sentía tan querido
unido a el polo neno Cupido,
tanto esperar acabou cansa.

E disimulaba ser maltratada,
no seu rostro unha paisaxe florida,
mais na súa alma unha queixa dorida,
que tan só o coñecía a amada.

Bendito o día que se levantou
tan Valente e coa mente fría,
chegou á policía e denunciou.

Tempo despois outro home atopou;
ela con el desfrutaba, ela ría;
ela volveu namorar, e casou.

LEOPOLDO ÁLVAREZ
MARTA PIÑEIRO
1º A Bach

O noso maior privilexio

Seguide quitando quita, quitade
coma sempre, os nosos privilexios,
que son os nosos verdadeiros desexos.
Sinceramente, o que non amades,

como vós antes imaxinabades,
doces e tan educados pendellos,
pero fálase xa dende os castrexos,
veña, galeguiños, erradicade,

a nosa lingua nai: o galego.
Noxentos mal educados nenos,
Que din: “Eu? Veraneo en Sanguengo”,

Sodes todos verdadeiros borregos,
Iso non é sentimento galego.
Senón é: o que temos todos nós.

ROSALÍA VÁZQUEZ FERNÁNDEZ
CANDELA RAMOS MACEIRA
1º Bach A

14 de abr. de 2013

Espera solicitada


"O bico da morte” de Jaume Barba (1930).
Cemiterio do Leste (Poblenou, Barcelona).
Por fin chegaches!
A túa caricia soñei,
dende que nacín che asubiei,
pero... amáchesme?


Fixéchesme ermitán.
Moves o teu alfil,
e o teu cariño de marfil
rendeu o rei, antano na man.


Cando xa non garde a miña lanza
apareces con belas perlas
eu agardaba con esperanza!
pero a túa visita atrasas,


que esperas da miña alma
que non descansa da pena,
cada noite dorme en cama
ulo o teu xélido aroma do xena.


busqueiche de mil maneiras
das que tolo, o meu corazón xea
pero o sabor das miñas condenas
manteñen fera a vela.


Incandescente a lúa
fría a herba,
o sol cada día unha cana
o vento atusa a súa barba,


E fálame con mirada serea
ante a miña sorpresa,
a que espero?, pregunta,
e o unico que teño
é tinta na miña vea.


Se mais non verei a túa mirada,
o meu reflexo no espello
de pulida a túa gadaña
vexo o meu despeito,


e unha rachada te deixo,
marco o teu papiro
que co meu sangue non me queixo,


e levaches a miña alma,
que o esperado foi axeitado
e o recordo do visto
non será esquecido.

SANTIAGO RICO MARTÍNEZ
4º ESA

2 de feb. de 2013

V de VENDETTA

Imos de camiño á folga
con pancartas e sirenas
con ira nas nosas voces
e con ganas de guerra.
Estamos cheos de rabia
non vos queremos dar pena
e seremos escoitados
pois non somos marionetas,
que non nos controlaredes
tamén o noso planeta.
Poden golpear máis e máis,
propio deste vil sistema,
que nos trata coma escravos.
Con paus e balas na pelexa,
contra a corrupción e a fraude
Será a nosa gran “vendetta”.


PABLO FERNÁNDEZ JIMÉNEZ,
ÁNGEL NIEBLA MONTERO,
OMAR ISMAIL GARCÍA
(2º Bach B)

Fene


Imaxe satelital de Fene xunto á Ría
de Ferrol nunha captura de Google
 Maps 3D e escudo do concello.
Encóntrase unha vila,
nun sitio perto do mar,
con quince mil habitantes,
o máis lindo do lugar.

Ten o Parque do Paiaso,
tamén outro Lineal.
Podes ir ao Ximnasio
ou á piscina a nadar.

O seu precioso colexio
chámase o "Jorge Juan",
gardou historias, segredos,
que sempre alí quedarán.

Con deporte na rúa
e a nosa milla escolar,
desfrutando coa familia
os nenos en forma están.

Divídese en parroquias,
as cales son sete en total.
Fene é a mellor das vilas
do noso mundo mundial.

NEREA SAMPAYO PIÑEIRO
ALBA IGLESIAS CAMPOS (1º BAC. B)

1 de feb. de 2013

As estacións


Ilustracións: Natasha Wescoat

Xa vai chegar o outono,
árbores sen follas quedan
o frío está moi ledo
ata ás persoas xea.

O inverno vén despois
sarabia e neve leva,
é unha etapa anterior
a unha estación bela.

Os campos e as flores nacen
e crecen como a marea
o sol comeza a saír:
empeza a primavera.

Verán, chegan as vacacións
ten sol, praia e area
e nas noites despexadas
pódense ver as estrelas.

Estas son as estacións
que todos os anos chegan
e son sempre diferentes
como as persoas mesmas.


Alicia Cabanas Souto
Tamara Braña Señor
(1º Bac E)

As modas

Twiggy, icona da modana 2ª 
metade dos anos 60

A moda sempre existiu,
na época derradeira,
os pantalóns de cintura
eran última tendencia.
Ponse en todas as décadas
a roupa sempre herdeira,
roupa dos pais, ben che queda,
cor militar e moreira,
pantalóns de camuflaxe.
A moda sempre foi especial,
Un cambio nos peiteados,
os flocos das melenas.
Co paso da historia,
moitas modas e tendencias
cheas de aros as orellas,
cadeas, aneis e pulseiras.
As roupas gustan a todos,
as saias e as perneiras
moi curtas, lucindo as pernas.

CRISTINA MARTÍNEZ
ALEJANDRA BURGUETE
ANA PERMUY

(1º BACH A)

Rácing de Ferrol


Plantilla do Rácing na actual temporada 2012-2013
O meu Rácing de Ferrol
todo un equipo que honra,
onde non sempre saíu
nin se viu toda a súa forza.

Un equipo de bandeira
que vai sempre a por todas,
apoiado na cidade
onde nunca lle fan sombra.

Todos os domingos deixo
na Malata a miña gorxa
para que as nosas vitorias
se convertan nunha xolda.

Eu necesito o meu Rácing
sempre e a todas horas,
non sei o que facer sen ti,
es como unha boa droga.

Sempre imos preparados
con chifres e camisolas,
onde os máis novos levan
con eles as súas gorxas.

É un equipo moi grande,
pero parécese ás mozas
que sempre están a xirar,
pero non deixan de asombrar.

BRUNO LOSADA RODRÍGUEZ
ROBERTO FILGUEIRA BLANCO
(1º Bach B)

27 de xan. de 2013

A crise



A xente queda sen casa,
a xente non ten fogar.
Quedan perdidos na rúa,
nin teñen onde chorar.

Políticos, reis, banqueiros
non saben como escapar
desta tremenda estafa
que non fai máis que empeorar.

Os cartos, onde os meteron?
Non nolo queren contar.
Preguntas, nunca te escoitan,
pero isto vai rematar.

A Merkel, dona de España,
todo o quere arrancar
matando aos mortos de fame
tratando de nos enganar.

Pero todo ten comezo
e, polo tanto, un final.
Unidos, xuntos, con forza
ímolo ben arranxar.

PABLO PAZ COTILLA
INÉS PAZ ESPIÑEIRA
SARA GAMUNDI BARROS
(1º Bach A)

Amores imposibles


Fragmento de "Bird Woman"(1990), da
fotógrafa estadounidense Joyce Tenneson.


A brisa da harmonía,
nun recanto, soidade.
Composto de almas puras,
o lazo da amizade.

No medio da alborada
a loba ouvea de fame,
chama polo astro lúa
nun ataque de coraxe.

Dama de alta liñaxe
quere mudar de clase,
troca panos de seda
para voar como ave.

Sendo clase fidalga,
sobriña dun abade,
só che ten por destino
con nobreza emparellarse.

En gaiola de ouro
sen  poder rebelarse
vive infeliz a dama,
triste pago dá a caste!

Certo día un plebeo,
cheo de curiosidade,
trepou nos altos muros,
anos levou animarse!

Grande foi a sorpresa;
no canto de atoparse
unha rapaz de caza,
viu unha fermosa ave.

LEOPOLDO ÁLVAREZ BIANCHÍN
(1ºA BACH.)

20 de xan. de 2013

A ninfa e o cabaleiro


JULES-JOSEPH-LEFEBVRE:
"Ninfa con campánulas glorias da mañá"
Entre follaxe e espiño
dous vellos vales se apertan,
dan débil casa a unha ninfa,
princesiña cincenta.

Augas escuras dun río
narran a historia máis bela
dun cabaleiro, cabalo e
ninfa, fermosa doncela.

O decembro máis neboento,
do ano naquela senda,
morre xa vello o cabalo,
cae cabaleiro na pena.

Bágoas de sal xorden frías
percorren as súas meixelas,
ninfa na pena durmida,
recolle augas e esperta.

Cabaleiro sen cabalo,
é vostede nesta terra
teño eu casa e abrigo
pra sorrirlle á natureza.

Mais, fermosa criatura,
guíame na néboa espesa.
Son enteiro da túa vida,
dona nova, dona bela.

E así o levou a ninfa
perdéndose en negra brétema
ánimas viven no río,
xuntos viven nunha estrela,
cabaleiro sen ferraxe e
ninfa, lume dunha vela.

TANIA PERÉZ LÓPEZ
REBECA CALVO BARROS
1º Bach A

Que lonxe fica o verán


Urbano Lugrís: "Paxaro das praias, lavandeira" (debuxo, 1950)
 Que lonxe fica o verán
e que preto o inverno está!
Estacas e mais Chanteiro
moito terán que agardar!
O vento, choiva e friaxe,
furiosa mar tornará,
mais, cansarase Neptuno
do seu tridente axitar.
Volverán mornas as rochas,
volverá alegre o areal,
con xentíos coñecidos,
con suaves caricias do mar,
con cálidos raios de Sol,
coa fresca brisa do mar
mexendo verdes árbores
pra  ledicia do areal.
Diminutos arquitectos
no areal xogando están,
angazos, cubos... castelos
que chorarán ao marchar!
Fragatas e petroleiros
amodo han navegar
coma se medo tivesen
a estar fóra do lugar.
Volverei andar os sendeiros
volverei a campá tocar.
Baixarei as escaleiras
que unha vida cobraron xa.

LETICIA CARTELLE COBO

1º Bach B

12 de xan. de 2013

A praia de Campelo


Praia de Campelo vista dende o ar.
(Imaxe capturada de Google Maps 3D)
Na estrada do Convento,
sita no lugar de Baltar,
percorrendo entre leiras,
achegámonos ao mar.

Horizonte! Ponzos e Prior,
dende o desvío do bar,
entre piñeiro e eucalipto,
o recuncho de aparcar.

Areal do meu Campelo,
máis que praia é “catedral”
entre os acantilados,
galego tesouro sen par.

Polbos, medusas, estrelas…
nas pozas, nas rochas do mar.
Graos finos de quentura
e bolos de pedra no chan.

Danzade ondas a muiñeira,
o voso ledo burbullar
e ficade na ribeira.
Sons de gaitas veñen do mar.

JOHAN-LAURENT ESPEJO ÁLVAREZ
CARLOS SERANTES PRIETO
PALOMA LISI TRINIDAD

(1º E Bach)

Romance en crise

"Dúas figuras" (1904), cadro da época azul de Pablo Picasso.
Levanteime cheo de rabia
sen traballo e sen fogar,
xa que ratas do Goberno,
viñéronme a min roubar.

Agora estou na rúa
sen podelo imaxinar,
a miña familia mais eu
quedamos sen fogar.

Eu tiña traballo digno,
ía ledo a traballar,
os políticos avaros
fixéronme xubilar.

Con moita vida por diante
e os meus nenos que coidar,
triste e desolado chego
sen nada que dar nas mans.

O que pasa non entendo,
a xustiza onde andará?
Só vexo que a vida digna
é imposible de pagar.



MIGUEL DOPICO
BRYAN GARCÉS
SILVIA RODRÍGUEZ
(1ºB Bach.)